14/9/08

Isto é o que escribía o dramaturgo Alfonso Sastre de Fidel despois do triunfo da revolución cubana de 1959.

Fidel Castro, no te dejes
matar.
Vive por nosotros, crece, aumenta,
sé fuerte y no te dejes
matar.
Te amamos desde Sierra Maestra
porque eres un bravo personaje de nuestros
viejos sueños de aventuras.
Pero ahora, después de tu ascensión, Fidel,
ya no es solo quererte, es
contar contigo y tu justicia
para el triunfo de la Revolución que deseamos

11/9/08


A 35 anos do golpe de Estado

Non é fácil referirse aos sucesos do 11 de setembro de 1973, deixando fóra as propias paixóns. É así porque se trata dun acontecemento traumático para unha grande maioría de chilenos, cuxas consecuencias debemos vivir cotidianamente hoxe. O Golpe de Estado ocorrido hai xa máis de tres décadas non é un feito histórico sepultado no pasado. Polo contrario, o presente económico, político e cultural do Chile actual non se explica senón por aquela data.

A ditadura militar deseñou a matriz da cal emerxe o Chile de hoxe. Un modo particular de organizar a economía, o neoliberalismo. Unha maneira de administrar a política, unha democracia de baixa intensidade. Un tipo de cultura adversa de toda forma colectivista ou asociativa, o individualismo. Este molde segue vixente en todas e cada unha das súas partes. Calquera observador desapaixoado debe consentir que o deseño militar foi obxecto de escasas medidas cosméticas. Bastará pensar, por exemplo, na Constitución Política que segue sendo a pauta xeral sobre a que se ordena a vida nacional.

O sentido último desta reorganización militar do Chile contemporáneo, foi e é, salvagardar a tradición e a orde da nación. É dicir, como afirmou o mesmo Pinochet: salvar vida e fortuna ás elites dirixentes que sentiron ameazados os seus privilexios. Dito con absoluta honestidade, debemos admitir que as vigas mestras do deseño militar funcionaron até os nosos días, cumprindo cabalmente o propósito para o que foron creadas. Dende a lei electoral até a lexislación en torno á saúde, a previsión social ou as leis tributarias.

En rigor, a chamada Concertación de Partidos pola Democracia, non fixo senón administrar o modelo herdado, co claro compromiso de garantir a súa continuidade. De sorte que máis alá das súas epilépticas bravatas e do gastado discurso demagóxico, os persoeiros concertacionistas actuaron máis como “estafetas” da dereita económica que como representantes do pobo. Incapaces de levar adiante un proxecto histórico alternativo, sumíronse nunha atmósfera de ineptitude e de, para dicilo con elegancia, “debilidade moral”.

Como nunha mala novela de terror, o amnésico Chile de hoxe volve a súa mirada ás luminosas vitrinas do consumo suntuario, ás rutilantes pantallas de plasma, mentres no patio desenterran osamentas dalgún veciño ou familiar. Son os mortos silenciados por esta historia macabra que todavía persiste, obstinada, en ocultar cadáveres no ropeiro. O once de setembro non rematou no noso país, está presente en cada liña da Constitución, no opaco gris dos cuarteis e comisarías; na risa socarrona do “honorábel”, e en moitos “homes de negocios”. O once de setembro segue vivo en quen tanto lle deben ao Xeneral.

O crime cometido en Chile non atañe, tan só aos dramáticos sucesos coñecidos por todos. O verdadeiro mal está todavía con nós, na nosa vida cotidiana, na inxustiza naturalizada e aceptada como desesperanza. A verdadeira traición a Chile é ter impedido que, por vez primeira, aquel home e aquela muller humildes, comezaran a construír a súa propia dignidade nos seus fillos, e nos fillos dos seus fillos.

Nun sentido último, Augusto Pinochet Ugarte, foi a man tiránica que interrompeu a marabillosa cadea da vida. Como Caín, o xeneral asasinou aos seus irmáns, ofendendo ao espírito que late no fondo da historia humana. As súas obras, a súa herdanza lamentábel xa a coñecemos: xeracións de chilenos condenados ao inferno da ignorancia, a pobreza, o loito e a indignidade. No Chile do presente non hai paz para os mortos como tampouco a hai para os vivos.

Máis alá das compricidades da mentira para ocultar a natureza daquela traxedia; por moito que se esforcen algúns falsos profetas en exorcizar as cinzas, ensinando a resignación; e máis alá dos demagogos de última hora que administran hoxe o palacio: hai un pobo silencioso e paciente que encarna o advenimiento histórico dun mundo outro.

- Álvaro Cuadra é investigador e docente da Escuela Latinoamericana de Postgrados (ELAP). Participa en ARENA PÚBLICA, Plataforma de Opinión da Universidade ARCIS.